a noite en Compostela

Santiago de Compostela é unha cidade que nunca durme de todo. Calquera día da semana é bo para saír a dar unha volta pola noite, tomar uns viños, pasear polas rúas iluminadas, cear tranquilamente, brindar cunhas copas ou gozar de boa música. 
 
 

Tamén somos unha cidade que aposta polo chamado ‘tardeo’, cun sinfín de propostas culturais e de dinamización que comezan desde a hora do vermú e se prolongan ata ben entrada a noite. 

 
Entre as 20:30 e as 22:00 horas é o momento de saír tomar un viño. Normalmente sérvenno acompañados de ‘tapas’, pequenos bocados, ás veces suculentos -de embutidos, queixo, tortilla e outros-, que axudan a beber e que en Santiago, a diferenza de moitos outros lugares, son gratuítos. Hai tamén quen prefire acompañar os viños cunhas racións, máis abundantes e pensadas para compartir.
 
Temos ademais en Compostela numerosos restaurantes con opcións máis formais, grandes restaurantes con afamados chefs. A maioría deles admiten reservas ata as 22:30 ou incluso as 23:00 horas, co que a sobremesa, co café -é típico o ‘de pota’- ou os espirituosos -licor café ou caña, pura, tostada ou de herbas -, pode chegar ata as 24:00 horas ou incluso a 1 a.m.
 

Trala cea, sobre as 23:00 horas, chega o horario das copas para as que temos tamén varias opcións: locais onde poder sentar e falar ou locais con zona de baile de diferentes estilos: rock, latino, música dos anos 80, etc. 

 
Por último, na nosa cidade contamos con moitas discotecas nas que prolongar a festa ata case o amencer. E para repoñer forzas rematada a noite, desde as 6:00 horas xa é posible atopar cafeterías abertas onde tomar desde unha pizza ata unha tracicional cunca de chocolate con churros.